Sunday 19 de May de 2024

A Pobra aposta novamente polo xogo-concurso As sete Rosalías


A Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal volve apostar para o Día de Rosalía de Castro, que se conmemorará no 23 de febreiro, polo xogo-concurso As sete Rosalías, ademais de impulsar outras actividades que se anunciarán nos próximos días.

A referida proposta está dirixida ás crianzas co obxectivo de lles achegar a figura desta intelectual galega dun xeito didáctico e cun compoñente lúdico, segundo explica a concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), pois considera que “é preciso continuar co labor divulgativo da súa persoa, obra e, polo tanto, do seu legado.”

A dinámica é a mesma ca a do pasado ano: consiste en atopar varias siluetas recortadas coa forma de Galicia que conteñen no seu interior o rostro da intelectual acompañado de versos seus. Estas pezas expóñense nos escaparates de diversos establecementos locais da Pobra dende o día 11 ata o 25 de febreiro. O desafío reside en buscar nos escaparates dos locais do municipio as 7 versións diferentes da imaxe que ilustra o cartel, xa que non todas son iguais. Poden participar todos aqueles nenos e nenas pobrenses con idades comprendidas entre os 6 e 12 anos que conten cun dos impresos repartidos nos colexios Salustiano Rey Eiras e Pilar Maestú Sierra.

Unha vez atopadas, será preciso anotar no folleto cal é esa diferenza e en que instalación se sitúa. De lograren supera-lo reto, deben entrega-los impresos debidamente cubertos cos datos requiridos nos centros de ensino xa mencionados.

No 4 de marzo realizarase un sorteo de diversos agasallos entre tódolos cativos e cativas acertantes.